mércores, 22 de marzo de 2017

Día Internacional da Poesía: visita d@s poetas Alba Cid, Ismael Ramos e Antía Otero






Hai días especiais que as palabras dos libros adquiren rostro e voz, e veñen ata nós en forma de persoas que comparten de modo xeneroso entusiasmo e lecturas, oficio e misterio, paixón e poemas; así foi o luns 20 de marzo, nunha hora de coloquio onde os membros de Animal Escondido tivemos a sorte de descubrir a Ismael Ramos e Alba Cid, ben acompañados por Antía Otero, editora desa fermosa colmea literaria chamada Apiario; grazas aos tres por compartiren con nós algúns segredos da escrita, e por darnos azos para seguir devorando poemas, e quizais tamén para atrevernos nun futuro próximo a soñar algún verso propio que aínda non sabemos que pinta terá! Beizóns e ata a próxima!

domingo, 12 de marzo de 2017

SOMOS + FORTES QUE O MEDO!




Animal escondido tamén se suma ao paro simbólico das alumnas e profesoras do instituto de Ames da Xornada reivindicativa do 8 de marzo; por unha igualdade real, tamén entre a mocidade, sen machismo e sen violencia contra as mulleres.

martes, 7 de marzo de 2017

No seu despregar: unha antoloxía para descubrir novas voces poéticas


E seguimos a ler... e neste mes de marzo teremos visitas sorpresa que nos abrirán os ollos a novas perspectivas arredor da poesía contemporánea. Ánimo!

Rosalía de Castro tamén é un Animal Escondido!



O mes de febreiro foise convertendo, nos últimos anos, no da reivindicación dos poemas rabudos de Rosalía, vivos e ceibes, feministas e certeiros como ningún outro. E nós, Animal Escondido, tamén quixemos participar no acto de homenaxe que celebrou o Concello de Ames, na Casa de Cultura de Bertamiráns, o xoves 23 de febreiro; parabéns para Sara e Marcos polo seu recitado, tan cheo de forza e enerxía. Graciñas!

martes, 17 de xaneiro de 2017

Cine e poesía: Remando ao vento


Cine e poesía, romanticismo e suicidio, palabras e pesadelos, un monstro imaxinario e un berro de liberdade entre a brétema... así remamos xunt@s diante da pantalla con Animal Escondido.




luns, 5 de decembro de 2016

"Nun lugar cheo de desesperación" (poema de creación colectiva)



A vida dorme coa morte
e pon os pés no horizonte dun bigote.
A morte é unha sesta eterna,
unha bañeira porca,
unha frecha atravesando o corpo,
atravesando o pau de seda da roupa.
A morte crávaseche no peito,
déixate colgando a presión de facer as cousas ben.
A morte sempre estará ao teu carón
e, de fondo, os seus pés.
A morte vixiaba unha muller revolucionaria,
sen amor, pero namorada.
A morte disolve a luz na primeira pincelada.


(Poema elaborado en grupo por Animal Escondido a partir de pinturas de Frida Kahlo)







Animal Escondido ataca de novo! E xa crea poemas!




sábado, 3 de decembro de 2016

xoves, 1 de decembro de 2016

Café con verso (2)


"Hei poñer un letreiro no meu ventre
 moi fráxil
 coma nas caixas de louza
 e cristais e espellos e reloxos
 para que ninguén te dane
 meu ben"

               Iolanda Zúñiga, Amor Amén, Xerais

Café con verso (1)


"Na colmea
 as abellas
 nunca teremos
 cintura de avespa"

               Antía Otero, O cuarto das abellas, Xerais




xoves, 24 de novembro de 2016

Dos días escuros, Mª Carmen Caramés Gorgal (palabras para o 25 de novembro)

Despois falarán de min,
serei o derradeiro número da funesta lista,
a crónica dun suceso lamentable
precedida das noticias económicas
-tamén lamentables-
á hora do xantar.

Alguén fará un comentario a teor da traxedia,
alguén que me coñece pouco
ou nada:
"Unha tremenda desgraza,
estamos todos consternados.
Quen podía imaxinar..."

Non había denuncias.
Un minuto de silencio:
(
                                               )
As flores amoreadas murcharán de inanición,
rotas xa coma min
celebraremos a mesma condición de seres transitorios,
volátiles,
efémeros,
nalgún lugar incerto do país de Nunca Xamais.
Será o último día do burka.

Logo haberá un tempo para a dor e a carraxe,
para a sede de vinganza e os tribunais
-nunca para a xustiza-
e o esquecemento esvarará como a anoitecida
por debaixo das portas,
silente,
apenas presentido.

Só algunhas luces continuarán acesas
permanentemente,
osmando o eco da risa esvaecida
que aínda resoa no corredor,
da voz que vai e vén
en transhumancia hostil e caprichosa,
evocando o rostro que xa costa rescatar da memoria.

Finalmente,
só algúns corazóns esnaquizados
lembrarán o meu nome.

domingo, 13 de novembro de 2016

Normas de uso para formar parte do Club

  • Este é un club onde a única norma é o desexo de descubrir poemas de hoxe en día, de compartilos cos demais, de darlles voz para que existan.

  • Este é un club aberto, sen obrigatoriedade de asistir sempre ás reunións.

  • Este é un club para achegarse pouco a pouco á poesía, sen necesidade de ter experiencia previa nin coñecementos especializados.

  • Este é un club para xente que quere dialogar arredor dun poema, aínda que tamén se respecte o seu dereito ao silencio.

  • Este é un club onde o único compromiso consiste en deixarse sorprender polas palabras das/dos mellores poetas do mundo.

  • Este é un club onde son benvidas as caras de sorpresa, e mal vistos os rostros serios como ostras.

  • Este é un club que pode ir modificando todas as normas, agás a de considerar a lectura de poesía como norma inquebrantable.


  • Este é un club que nace aquí e agora e que aspira a durar ata o infinito e aínda máis lonxe.