Despois falarán de min,
serei o derradeiro número da funesta lista,
a crónica dun suceso lamentable
precedida das noticias económicas
-tamén lamentables-
á hora do xantar.
Alguén fará un comentario a teor da traxedia,
alguén que me coñece pouco
ou nada:
"Unha tremenda desgraza,
estamos todos consternados.
Quen podía imaxinar..."
Non había denuncias.
Un minuto de silencio:
(
)
As flores amoreadas murcharán de inanición,
rotas xa coma min
celebraremos a mesma condición de seres transitorios,
volátiles,
efémeros,
nalgún lugar incerto do país de Nunca Xamais.
Será o último día do burka.
Logo haberá un tempo para a dor e a carraxe,
para a sede de vinganza e os tribunais
-nunca para a xustiza-
e o esquecemento esvarará como a anoitecida
por debaixo das portas,
silente,
apenas presentido.
Só algunhas luces continuarán acesas
permanentemente,
osmando o eco da risa esvaecida
que aínda resoa no corredor,
da voz que vai e vén
en transhumancia hostil e caprichosa,
evocando o rostro que xa costa rescatar da memoria.
Finalmente,
só algúns corazóns esnaquizados
lembrarán o meu nome.
xoves, 24 de novembro de 2016
martes, 22 de novembro de 2016
sábado, 19 de novembro de 2016
mércores, 16 de novembro de 2016
martes, 15 de novembro de 2016
luns, 14 de novembro de 2016
domingo, 13 de novembro de 2016
Normas de uso para formar parte do Club
- Este é un club onde a única norma é o desexo de descubrir poemas de hoxe en día, de compartilos cos demais, de darlles voz para que existan.
- Este é un club aberto, sen obrigatoriedade de asistir sempre ás reunións.
- Este é un club para achegarse pouco a pouco á poesía, sen necesidade de ter experiencia previa nin coñecementos especializados.
- Este é un club para xente que quere dialogar arredor dun poema, aínda que tamén se respecte o seu dereito ao silencio.
- Este é un club onde o único compromiso consiste en deixarse sorprender polas palabras das/dos mellores poetas do mundo.
- Este é un club onde son benvidas as caras de sorpresa, e mal vistos os rostros serios como ostras.
- Este é un club que pode ir modificando todas as normas, agás a de considerar a lectura de poesía como norma inquebrantable.
- Este é un club que nace aquí e agora e que aspira a durar ata o infinito e aínda máis lonxe.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)